EspañolGalego

Exposicións dos Encontros da Enxeñaría de Camiños de Galicia

Maio, xullo e agosto de 2015. A Coruña

Aguamarina, Comunicación y Eventos,encargouse do deseño, a redacción de textos e a produción de dúas exposicións integradas nos Encontros da Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos de Galicia, organizados polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos da nosa comunidade.

prismassantelmo

A primeira delas estivo dedicada aos Premios San Telmo, outorgados pola institución colexial desde 2003, para recoñecer as mellores obras de enxeñaría civil realizadas en Galicia. A través de oito prismas de 2 metros de altura e 1,50m de ancho, mostráronse todas as obras candidatas á edición 2015 do galardón e fíxose un repaso aos gañadores de anos anteriores. A mostra puido verse no Cantón Grande da Coruña, do 14 ao 21 de maio.

A segunda exposición tivo por título Enxeñaría Viva. Inaugurouse o 16 de xullo, na sede do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, e puido visitarse até o mes de setembro. Estivo dedicada a mostrar, a través de 23 paneis, as distintas frontes nas que desenvolven a súa actividade os enxeñeiros de camiños, canles e portos, pondo especial énfase na protección do medio ambiente, a recuperación do litoral e a promoción da saúde pública. Tamén se destacou o seu labor no ámbito de produción de enerxías limpas, a edificación, o urbanismo, e a xestión e mantemento do construído.

A mostra, ilustrada cunhas 100 imaxes, fixo tamén referencia á contribución dos enxeñeiros de camiños, canles e portos ao progreso de Galicia e as súas xentes, proxectando e construíndo obras de gran dificultade técnica e de gran valor estratéxico como os portos exteriores da Coruña e Ferrol, os accesos a Galicia por estrada, o eixo ferroviario A Coruña-Vigo ou o AVE Galicia-Madrid.