EspañolGalego

25 aniversario do Instituto Tecnolóxico de Galicia

13 de setembro de 2016. Salón Arao de Palexco

dsc_9580

"Somos unha Fundación sen ánimo de lucro cuxo fin non é outro que incrementar a capacidade competitiva da nosa contorna e contribuír ao progreso económico e social de Galicia, a través da tecnoloxía e a xeración de coñecemento". Con estas palabras describiu Antonio Couceiro, presidente do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) a razón de ser da institución. Fíxoo durante o acto conmemorativo do 25º aniversario do ITG, que tivo lugar o pasado 13 de setembro no salón Arao de Palexco, e ao que acudiron 500 persoas.

O evento, que se abriu coa proxección dun vídeo no que se fixo un percorrido polo pasado e o futuro do Instituto, contou cunha ampla e plural representación institucional: o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o reitor da UDC, Xullo Abalde; o presidente da Deputación, Valentín González Formoso; e o almirante do Arsenal de Ferrol, Francisco Javier Romeu Caramelo. E un gran número de empresarios dos  sectores aeronáutico, enerxético, financeiro e do ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.

dsc_9588

Na súa intervención, Antonio Couceiro sinalou que, en sociedades avanzadas, como a nosa, un sistema de I+D+i non funcionaría sen organizacións como o ITG. E, botando a mirada atrás, afirmou: "Pasamos de implantar o correo electrónico a desenvolver complexos proxectos no ámbito da nanotecnoloxía; de facer as primeiras páxinas web, a deseñar sistemas intelixentes capaces de decidir a resposta dunha gran cidade; de publicar un catálogo de usos da madeira, a liderar o mercado nacional da sustentabilidade na edificación; e de loitar por consolidar a institución para presidir a Federación Española de Centros Tecnolóxicos".

Coa vista posta no futuro, o presidente do Instituto falou do difícil equilibrio entre a orientación cara ao mercado e o servizo á sociedade. Neste sentido,  afirmou que a excesiva dependencia do primeiro "faríanos perder de vista a nosa función de servizo" aos cidadáns, ademais de provocar unha "descapitalización tecnolóxica do centro a medio prazo". Por contra, engadiu, "unha excesiva orientación cara á investigación faríanos perder a sensibilidade do que necesita a empresa e a sociedade".

dsc_9545

Despois de lembrar que "quen traballa co ITG é raro que deixen de facelo", destacou a súa "enorme capacidade para acompañar e axudar, desde a máis absoluta neutralidade e cualificación técnica", ás institucións para que gañen en competitividade e melloren a prestación dos seus servizos.

Antonio Couceiro mostrou, tamén, o seu convencemento de que "non será posible afrontar os retos da nosa sociedade do benestar sen a necesaria transformación do noso modelo produtivo cara a un modelo intensivo en innovación". E, neste sentido, dixo, "os centros tecnolóxicos serán protagonistas como xeradores  de investigación aplicada, transmisores de tecnoloxía  e inductores de investimento en I+D, por parte das empresas". E, para finalizar, adquiriu o compromiso de "asumir, con valentía, esta responsabilidade, e de transformar todo o apoio institucional que recibamos en solucións tecnolóxicas orientadas á mellora da competitividade do tecido empresarial de Galicia".

dsc_9733

Terminada  a intervención de Antonio Couceiro, chegou o momento máis emotivo da noite, a homenaxe aos oito expresidentes do Instituto nestes 25 anos: Anxo Monteoliva Ramos, a título póstumo, representado pola súa viúva, Elena Díaz Eimil; José Manuel Rey Pichel, Juan Manuel Páramo Neyra, Ramón Molezún, Alfonso Fariña, tamén a título póstumo, en cuxo nomee acudiu a súa filla, Celia; Anxo Fernández Armesto, José Manuel Hermida-Cachalvite e Gabriel López-Companioni. Todos eles recibiron unha escultura do artista coruñés Miguel Couto, que lles foi entregada, respectivamente, por Antonio Maroño, decano do Colexio de Arquitectos;  por Ricardo Babío, decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos; Oriol Sarmiento, decano do Colexio de Enxeñeiros Industriais; Antonio Couceiro, Valentín González Formoso, Francisco Conde, José Manuel Romay e Xulio Ferreiro.

O acto, que foi presentado polo xornalista Pablo Portabales, pechouse coas intervencións do presidente da Deputación, do conselleiro de Economía, Emprego e Industria e do alcalde da Coruña. Posteriormente, celebrouse un cóctel.

dsc_9781

Ver previsión informativa

Ver crónica do acto