EspañolGalego

Gala en Ferrol da Asociación Provincial de Amas de Casa

19 de outubro. Auditorio de Caranza, Ferrol

dsc_3417

O Auditorio de Caranza acolleu o pasado mércores, 19 de outubro, a cuarta das sete galas que a Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña organiza con motivo do seu 50 aniversario. O acto foi conducido polo xornalista Daniel Viña, quen agradeceu aos asistentes a súa presenza e a colaboración dos patrocinadores. Outro tanto fixo a presidenta provincial, Rosa Celia Otero Raña, quen salientou que sen a axuda da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Gadis, Mercadona, Vegalsa-Eroski, Estrella de Galicia e Ecoembes este acto non sería posible.

Rosa Otero agradeceu na persoa da presidenta local, Rosa Pérez Celada, o labor que vén desenvolvendo a Asociación de Amas de Casa de Ferrol, e lembrou que, neste último medio século, "avanzamos nos nosos dereitos, pero aínda non alcanzamos a tan ansiada e reivindicada igualdade cos homes. Non se nos recoñeceu o extraordinario labor que realizamos" porque, engadiu, "á marxe de coidar dos nosos fogares, traballamos no campo, na industria ou no sector servizos e, día a día, damos exemplo de coraxe, valentía e decidida determinación para sacar adiante ás nosas familias e conquistar o lugar que nos corresponde nunha sociedade máis xusta e igualitaria".

dsc_3918

Nun ton reivindicativo, lembrou que "as mulleres do noso tempo crían aos seus fillos, coidan, ás veces, dos seus pais e dos seus netos, e non teñen dereito a unha pensión de xubilación despois de separarse ou divorciarse dos seus maridos". "Por iso -dixo- unha das nosas reivindicacións segue sendo que poidan cotizar á Seguridade Social, como, no seu momento, fíxose cos homes e mulleres do campo, para non ter que pedir por favor o que lles corresponde por dereito".

Para a presidenta provincial, a asociación está "na vangarda da defensa dos consumidores e usuarios". Un labor que, puntualizou, "realizamos desde a independencia e o altruísmo. Unha independencia que levamos gravada a lume no noso código xenético". E concluíu a súa intervención cun chamamento aos máis novos: "Necesitamos xente nova que siga loitando por unha igualdade da muller, que aínda non logramos".

dsc_3418

Previamente fixo uso da palabra a presidenta da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de Ferrol, quen, despois de manifestar a súa satisfacción pola elección da localidade como unha das escollidas para esta serie de galas, lembrou que "as mulleres españolas somos xa maioría na Universidade e ocupamos postos de altísima responsabilidade nas institucións e nas empresas. O futuro é feminino", remarcou.

Rosa Pérez Celada compartiu cos presentes os éxitos da entidade que preside, que tamén cumpre 50 anos. Referíndose aos fins da asociación, puntualizou que "o noso norte son os dereitos das mulleres e dos consumidores, pero nada do que sucede ao noso ao redor nos é indiferente". Para pechar a súa intervención, mostrouse preocupada polo futuro, "necesitamos -dixo- sabia nova e non só feminina, senón tamén masculina, para facer fronte aos novos retos das amas e amos de casa e dos consumidores e usuarios".

dsc_3765

Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, pechou a velada, na que se homenaxeou ás expresidentas Natalia Lamas, Mercedes Permuy, Caridade Núñez, Ana Pérez e Tomasina Rozas, que recibiron un ramo de flores, e que contou coa actuación da Banda Ferrolá de Música, a Rondalla Añoranzas, Rosa Salanova e o grupo Shakti Danza, o grupo Faragullas, e os cantautores Marcos Mella e Rocío Varela.

Descargue a previsión informativa

Crónica do acto