EspañolGalego

Gala en Ordes da Asociación Provincial de Amas de Casa

29 de outubro de 2016. Casa da Cultura de Ordes.

dsc_4842

A Casa da Cultura de Ordes acolleu a quinta das sete galas que a Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña organiza con motivo do seu 50 aniversario. O acto foi conducido polo xornalista Pablo Quinteiro, quen agradeceu aos asistentes a súa presenza e a colaboración dos patrocinadores. Outro tanto fixo a presidenta provincial, Rosa Celia Otero Raña, quen salientou que sen a axuda da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Gadis, Mercadona, Vegalsa-Eroski, Estrella de Galicia e Ecoembes este acto non sería posible.

dsc_5366

Rosa Otero agradeceu na persoa da presidenta local, María José Barreiro Cores, o labor que ven desenvolvendo a Asociación de Amas de Casa de Ordes, e lembrou que, neste último medio século, "avanzamos nos nosos dereitos, pero aínda non alcanzamos a tan ansiada e reivindicada igualdade cos homes. Non se nos recoñeceu o extraordinario labor que realizamos" porque, engadiu, "á marxe de coidar dos nosos fogares, traballamos no campo, na industria ou no sector servizos e, día a día, damos exemplo de coraxe, valentía e decidida determinación para sacar adiante ás nosas familias e conquistar o lugar que nos corresponde nunha sociedade máis xusta e igualitaria".

dsc_5357

Nun ton reivindicativo, lembrou que "as mulleres do noso tempo crían aos seus fillos, coidan, as veces, dos seus pais e dos seus netos, e non teñen dereito a unha pensión de xubilación despois de separarse ou divorciarse dos seus maridos". "Por iso, dixo, unha das nosas reivindicacións segue sendo que poidan cotizar á Seguridade Social, como, no seu momento, fíxose cos homes e mulleres do campo, para non ter que pedir por favor o que lles corresponde por dereito".

Para a presidenta provincial, a asociación está "na vangarda da defensa dos consumidores e usuarios. Unha labor que, puntualizou, "realizamos desde a independencia e o altruísmo. Unha independencia que levamos gravada a lume no noso código xenético". E concluíu a súa intervención cun chamamento aos máis novos: "Necesitamos xente nova que siga loitando por unha igualdade da muller, que aínda non logramos".

dsc_5354

Previamente fixo uso da palabra a presidenta da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de Ordes, María José Barreiro Cores, que compartiu cos presentes os éxitos da entidade que preside e destacou a intensa actividade realizada  pola súa asociación en diferentes ámbitos, desde o cultural e formativo ata o gastronómico e lúdico. Cores finalizou a súa intervención agradecendo "a Rosa Otero e a súa xunta directiva a colaboración que sempre nos presta".

José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, pechou a velada, que contou coa actuación da monologuista Xulia, a Asociación Amigos do Acordeón, de Sigüeiro, a Banda Amigos da Música de Ordes, os grupos Sementes da Arte, Somos Nós e Jazz do Pendello e as agrupacións de danza infantil e de gaitas da Asociación Cultural Camiño Real de Poulo.

dsc_5254

Despois de Ordes, a próxima gala celebrarase o 18 de novembro, en Carballo.

Descargue a previsión informativa

Crónica do acto