EspañolGalego

Exposición en Cee sobre o 50 aniversario da Asociación de Amas de Casa

22 de novembro de 201. Casa da Cultura. Cee

dsc_0202

"Coa mostra que agora inauguramos, pretendemos facer un rápido percorrido pola historia da nosa asociación, que é o mesmo que dicir dos últimos 50 anos de historia da provincia da Coruña, Galicia e España", afirmou a presidenta da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña, Rosa Celia Otero Raña, no acto de apertura da mostra na Casa da Cultura de Cee. Ao acto asistiron, tamén, a presidenta local, Elena Pérez Abella, e a concelleira de Deporte e Tempo Libre, María del Carmen Díaz.

A exposición, enmárcase nos actos conmemorativos do 50 aniversario da entidade e dá testemuño, a través de 20 paneis, dos momentos máis relevantes da súa existencia. O comisario é Paco Docampo e os textos son de Rubén Ventureira, Arturo Losada e o propio comisario. O deseño é obra de Marta Álvarez. Todos eles baixo o paraugas empresarial de Aguamarina, comunicación y eventos.

dsc_0222

A exposición conta o nacemento da asociación e a súa situación actual; as presidentas que tivo; as súas reivindicacións; os congresos, xornadas, conferencias e charlas que organizou; a súa distribución territorial; a súa presenza nas institucións e as súas relacións institucionais; o seu labor solidario, e as súas publicacións e viaxes. Unha forma moi didáctica e eficaz de contar o que somos, de onde vimos e onde imos.

"Os autores da mostra, segundo Rosa Otero, marcáronse non xulgar o pasado cos ollos do presente", por iso, a idea foi situar social e politicamente cada panel. Proporcionar este contexto é o que nos permite concluír que a Asociación de Amas de Casa naceu cunha serie de obxectivos que foron evolucionando cos tempos.

dsc_0197

A entidade, como remarcou a súa actual presidenta, "non ten o máis mínimo matiz político". Os seus obxectivos son resolver os problemas das amas de casa (os prezos do mercado, os colexios, as garderías, os lugares de esparexemento para os mozos...) e poñer os medios necesarios para mitigar o esforzo daquelas mulleres que traballan dentro e fóra do seu fogar.

"Co tempo, e en pleno réxime anterior, apuntou Rosa Otero- nosa asociación vólvese combativa". Empeza a lanzar críticas ás institucións que non atenden as súas demandas e organiza un boicot contra as empresas de turrón, que subiron os prezos.

dsc_0278

Cincuenta anos despois da súa fundación, a Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña está implantada en toda a provincia, ata alcanzar, na actualidade, 63 delegacións locais activas e 39.404 socios. E traballa  non só para defender as reclamacións dos consumidores e usuarios, senón, tamén, para axudar a quen o necesita.

Antes de finalizar o acto de inauguración, a presidenta fixo un chamamento aos mozos "para que se somen á asociación. Necesitamos da súa forza, da súa capacidade creadora e da súa ilusión en prol dun mundo mellor".

A mostra permanecerá aberta ata o próximo 7 de decembro.

Consulte a previsión informativa do 18 de novvembro

Consulte a previsión informativa do 21 de novembro

Crónica da inauguración