EspañolGalego

Conferencia do presidente do Tribunal Constitucional no Colexio Médico da Coruña

20 de setembro de 2019. Sede de Salvador de Madariaga do Colexio Médico da Coruña

_dsc04452

O pasado 20 de setembro, o presidente do Tribunal Constitucional, Juan José González Rivas, pronunciou, na sede do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, unha conferencia titulada Constitución e saúde.

Entre os case douscentos asistentes ao acto estiveron o Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o delegado do Goberno na comunidade, Javier Losada; o xeneral da Forza Loxística Operativa, Francisco Javier Sánchez; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes.

O presidente do Colexio Médico da Coruña, Luciano Vidán, encargouse de abrir o acto, e o conferenciante foi presentado polo expresidente do Consello de Estado e exministro de Sanidade, José Manuel Romay Beccaría, que encomiou o labor realizado polo Tribunal Constitucional e polo seu actual presidente.

Juan José González Rivas cualificou ao "binomio conformado pola saúde e a Constitución" como "esencial". Durante a súa intervención, centrouse analizar a inserción da saúde, na Carta Magna, dentro dos principios reitores da política social e económica, "en conexión cos dereitos fundamentais". Por esa razón, é necesario "desenvolvela como un ben da nosa convivencia", asegurou.

O presidente do Tribunal Constitucional tamén se referiu á "actuación dos poderes públicos en relación á saúde" e fixo un repaso das diferentes normas aprobadas sobre esta materia nas últimas décadas. Por último, falou sobre a relación entre o Dereito e a Medicina, "dous ámbitos que teñen puntos de unión derivados, por exemplo, das probas periciais, nas que médicos especialistas poden realizar un labor de interpretación e apoio".