A Coruña, 9 de febreiro de 2026.- Os campus de Elviña e A Zapateira da Universidade da Coruña integráronse, esta mañá, nos Espazos Sen Fume que promove a Asociación Española Contra o Cancro, unha iniciativa coa que se están a crear contornas libres de tabaco, vapeo e outras formas de consumo en toda a provincia.
A declaración formalizouse esta mañá nun acto institucional celebrado na Casa do Estudantado da universidade coruñesa. Nel participaron o reitor da UDC, Ricardo Cao; o vicepresidente da Asociación Española Contra o Cancro na Provincia da Coruña, Carlos Lamora; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, Ana Isabel Ares, e o director de UDC Saudable, Sergio Santos. No seu transcurso deuse lectura a unha declaración institucional na que a UDC consolida o seu compromiso coa creación de campus máis saudables, coa colaboración da Asociación Española Contra o Cancro, declarando os edificios, instalacións deportivas e accesos inmediatos como espazos libres de fume e reforzando as accións de sensibilización e prevención. Despois, os asistentes percorreron os campus para coñecer os elementos de sinalización instalados, e, finalmente, celebrouse unha xornada informativa sobre a implantación dos Espazos Sen Fume no salón de actos da Facultade de Ciencias.
A iniciativa reflicte o compromiso compartido de ambas as entidades coa saúde e o benestar da comunidade universitaria. A creación destes espazos contribúe a desnormalizar o consumo de tabaco e dispositivos electrónicos, especialmente entre a mocidade, e a avanzar na construción dunha universidade máis consciente e responsable. Con esta declaración complétase a integración de todos os campus da Universidade da Coruña nos Espazos Sen Fume: o primeiro en sumarse foi o de Ferrol, en maio de 2025, e en outubro fixérono o Reitorado e os campus de Oza, Riazor e Bastiagueiro.
Segundo Carlos Lamora, a incorporación de novos Espazos Sen Fume supón “un novo paso firme cara a un modelo de universidade máis consciente e comprometida coa saúde das persoas. Fumar é o maior factor de risco en cancro e a causa principal de morte evitable no mundo, por iso iniciativas como esta son tan valiosas”. Pola súa banda, o reitor da UDC, Ricardo Cao, destacou que esta iniciativa enmárcase dentro do traballo de UDC Saudable, dando así un novo paso na creación de contornas máis amables coas persoas. “Sabemos que o consumo de tabaco segue a ser unha das principais causas de enfermidade prevenible, e por iso avanzamos cara uns espazos libres de fume que coidan da saúde colectiva e promoven hábitos de vida máis san. Con esta medida, acompañada de accións de sensibilización e apoio, a UDC fortalece o seu compromiso coa comunidade e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, construíndo campus máis humanos e máis acordes coa nosa responsabilidade como institución pública”.
Con esta nova incorporación, a Asociación Española Contra o Cancro suma 74 Espazos Sen Fume activos na provincia da Coruña, dos cales 35 foron declarados en colaboración coa Universidade da Coruña. Este avance contribúe a consolidar unha rede de contornas máis saudables e libres de tabaco en espazos educativos, praias, parques e outros lugares de uso público.
O tabaco é responsable dun de cada tres casos de cancro e está relacionado con ata 16 tipos distintos da enfermidade, incluído o cancro oral, que representa un 33 % dos casos. Coa creación destes espazos, ademais de promover hábitos de vida saudables e a eliminación do consumo de cigarros e vapeadores, evítase que a poboación continúe a ser fumadora pasiva de forma involuntaria. Deste xeito contribúese a reducir, a longo prazo, mortes prematuras e casos de cancro e doutras enfermidades crónicas. Trátase dunha medida que se adianta á futura ampliación da lexislación e que se aliña cos obxectivos da Comisión Europea, orientados a reducir a porcentaxe de persoas fumadoras a menos do 5 % no ano 2040.
Segundo estimacións do Observatorio do Cancro da Asociación, na provincia da Coruña fuman a diario 171.515 persoas, das que 10.553 son mozos e mozas de entre 15 e 24 anos. A esa cifra hai que sumar 22.372 fumadores ocasionais, dos que más do 15% teñen entre 15 e 24 anos.
A mocidade é un grupo especialmente sensible á influencia das condutas que fomentan a exposición e normalización do consumo de tabaco e novos dispositivos: o 80 % das persoas fumadoras comezan antes dos 18 anos, e en España, máis da metade dos mozos e mozas de entre 14 e 18 anos (54,6 %) probaron os cigarros electrónicos. Os menores que consumen novos produtos de nicotina teñen ata o triplo de probabilidades de consumir produtos de tabaco no futuro, o que converte estes dispositivos nunha porta de entrada ao tabaquismo.
A universidade, como espazo educativo e referente social, ten un papel clave na promoción de hábitos de vida saudables tamén entre a xuventude.








