Notas de prensa AECC

A Asociación Española Contra o Cancro presenta aos partidos políticos as súas propostas na loita contra o cancro

O obxectivo das súas reivindicacións é mellorar a situación dos pacientes de cancro e as súas familias en Galicia

Cómpren políticas públicas transparentes que rendan contas á cidadanía dos resultados en saúde dos plans para a prevención, atención e investigación do cancro

Galicia debe contar cun plan integral de control do cancro que garanta a equidade en saúde para todos os grupos sociais e a igualdade de oportunidades para facer fronte á enfermidade

Para conseguir que no 2030 a supervivencia media a cinco anos en cancro sexa do 70% é fundamental unha aposta decidida polo fortalecemento da investigación e reter o talento científico que se forma en Galicia

O cancro é a enfermidade que supón un maior risco de perder o traballo: as posibilidades de estar desempregado entre os superviventes de cancro son un 34 % máis altas que as da poboación xeral

A Asociación púxose como obxectivo conseguir a primeira xeración libre de tabaco, e reclama a implicación das administracións para protexer a poboación fronte ao seu fume e residuos contaminantes

Débense incrementar proporcionalmente os recursos de coidados paliativos para asegurar a equidade no acceso a este servizo de todas as persoas que o necesiten

A Coruña, 31 de xaneiro de 2024.- O cancro debe converterse nun obxectivo prioritario para o Goberno autonómico que saia das urnas tras as eleccións do 18 de febreiro. Esa é a petición que fai a Asociación Española Contra o Cancro na Provincia da Coruña na conmemoración do Día Mundial do Cancro, que se celebra o 4 de febreiro.

Con motivo desta efeméride, e ante a convocatoria de eleccións autonómicas o próximo 18 de febreiro, a Asociación dirixiuse aos partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia para achegarlles as súas propostas co obxectivo de mellorar a situación dos pacientes de cancro e as súas familias na nosa comunidade.

Galicia necesita políticas transparentes e mellorar a equidade e a investigación

A Asociación incide na importancia de contar cun plan integral de control do cancro na Xunta de Galicia que garanta a equidade en saúde para todos os grupos sociais e a igualdade de oportunidades para facer fronte ao cancro. Neste sentido, cómpren políticas públicas transparentes que rendan contas á cidadanía dos resultados en saúde dos plans para a prevención, atención e investigación da enfermidade. Por iso, a Asociación reclama que se publiquen, de forma periódica e accesible para a poboación, os resultados en saúde de leis, estratexias e programas relacionados co cancro; os indicadores do cumprimento da equidade nas prestacións da carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde relacionados cos procesos oncolóxicos e os indicadores de cumprimento da igualdade de oportunidades para acceder a esas prestacións.

Un dos obxectivos prioritarios da entidade é que, en 2030, a supervivencia media a cinco anos das persoas diagnosticadas de cancro se incremente, como mínimo, ata o 70 %. Para conseguilo é fundamental unha aposta decidida polo fortalecemento da investigación oncolóxica. Necesítase integrar aos investigadores galegos —que se senten illados—, favorecer a formación de redes e avogar pola internacionalización. Ademais, é preciso reter o talento que se forma en Galicia e atraer a investigadores de fóra da comunidade para fortalecer a capacidade investigadora da nosa comunidade. Tamén resulta necesario incrementar a colaboración entre perfís básicos e clínicos, promover as fases temperás dos ensaios clínicos e traballar cara á creación dun Comprehensive Cancer Center —centro de referencia na atención do cancro— en Galicia.

O cancro, causa de vulnerabilidade social e económica

Outro dos retos da Asociación é a atención integral ás persoas con cancro e ás súas familias. Neste sentido, unha das claves está na atención a pacientes con necesidades sociais. O sistema público de saúde deber prover unha atención integral para responder ao impacto do cancro nas persoas e identificar e abordar adecuadamente o efecto psicolóxico e social da enfermidade en pacientes e familiares.

O cancro é a enfermidade que supón un maior risco de perder o traballo: as posibilidades de estar desempregado entre os superviventes de cancro son un 34 % máis altas que as da poboación xeral. O diagnóstico conleva un aumento de gastos —o custo para o 41 % das familias supera os 10.000 euros— e unha diminución de ingresos que pode provocar situacións de vulnerabilidade económica en moitos pacientes. En España, ao redor de 27.000 persoas con cancro entran en risco de exclusión social cada ano debido ao impacto económico da enfermidade. Estímase que, en Galicia, 1.261 persoas que foron diagnosticadas de cancro en 2023 atopábanse en situación de vulnerabilidade laboral e risco de pobreza, e que outras 3.245 vivían soas, unha condición que se relaciona cun incremento da mortalidade.

Por eses motivos, desde a Asociación Española Contra o Cancro avógase pola identificación das situacións de vulnerabilidade económica e de soidade non desexada das persoas con cancro desde o primeiro momento, incluíndo na historia clínica a valoración do “distrés social” e protocolos de derivación temperá ao equipo de Traballo Social. Tamén hai que informar ao paciente e ao familiar coidador sobre como acceder a dereitos sociais, axudas ante a vulnerabilidade económica e servizos para facer fronte á soidade, e revisar as normativas e procedementos de incapacidade permanente e discapacidade polos efectos secundarios e as secuelas do cancro.

É necesario acabar co tabaco e potenciar os cribados e os coidados paliativos

Entre os obxectivos da Asociación está, ademais, conseguir a primeira xeración libre de tabaco. Fumar é un dos principais factores de risco para o desenvolvemento do cancro, e está asociado a máis de dezaseis tipos de tumores. Se o consumo de tabaco desaparecera, os casos de cancro reduciríanse ata nun 30%. Neste ámbito, a entidade reclama a implicación das administracións autonómicas e locais para adoptar as medidas normativas necesarias para a protección da poboación —especialmente da infancia e adolescencia— fronte ao fume e residuos contaminantes do tabaco. Tamén é necesaria unha vixilancia estrita do cumprimento das leis vixentes en materia de espazos libres do fume do tabaco e actividades continuadas de sensibilización e información sobre o risco para a saúde dos novos produtos con nicotina, como os cigarros electrónicos, que están de moda entre a poboación más nova.

No eido da prevención, por outra banda, é imprescindible fomentar a participación da cidadanía nos programas de detección precoz. Hai que reforzar o cribado de cancro colorrectal —no que aínda non se logrou unha participación óptima, establecida no 65 %— e ampliar a franxa de idade do programa de cribado poboacional para o cancro de cérvix desde os 25 anos. Neste último caso, tamén é moi importante universalizar o acceso á vacina contra o virus do papiloma humano nos varóns adolescentes para unha prevención completa.

Entre as reclamacións está tamén unha atención especial á poboación oncolóxica que se enfronta ao final da vida. O número óptimo de recursos especializados de coidados paliativos para unha atención adecuada é de 2 por cada 100.000 habitantes —un de atención no domicilio e outro de atención hospitalaria—. Na nosa comunidade, esta cifra sitúase en 0,67, e a media nacional está en 0,6. Ademais, débense incrementar proporcionalmente os recursos de coidados paliativos para asegurar a equidade no acceso a este servizo de todas as persoas que o necesiten —especialmente en zonas rurais—, ademais de reforzar a protección social dos pacientes con necesidades paliativas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Configurar y más información
Privacidad