Carballo acolle o II Encontro Médico de Bergantiños

O obxectivo é dar visibilidade ao exercicio da medicina na comarca e servir como punto de encontro entre médicos que comparten raíces e intereses

Durante a xornada celebraranse mesas redondas e conferencias, e renderase homenaxe póstuma ao pediatra Pedro Tasende Díaz

Carballo, 17 de novembro de 2023. O Pazo da Cultura de Carballo acollerá, mañá, sábado, 18 de novembro, a partir das 10,30 horas, a segunda edición do Encontro Médico de Bergantiños, organizado polos doutores Alejandro Ávila e Juan Carlos Díaz del Valle, coa colaboración do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña e o Concello de Carballo. O obxectivo da xornada é dar visibilidade ao exercicio da medicina na comarca e servir como punto de encontro entre médicos que comparten raíces e intereses comúns.

O programa arrancará ás 10,30 horas coa benvida e inauguración oficial da xornada, na que participarán o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña; o presidente do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, Luciano Vidán; a xefa territorial da Consellería de Sanidade na Coruña, Cristina Pérez, e os organizadores, Alejandro Ávila e Juan Carlos Díaz del Valle.

A continuación, ás 11,00, comezará unha mesa redonda titulada Medicina e algo máis que medicina. Estará moderada polo xerente do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, Francisco Vilanova, e nela participarán José González —médico de familia—, Sonia Mosteiro —neurorradióloga—, Manuel Rey —xornalista especializado en ciencia— e Héctor Lema —médico odontólogo—.

Tras unha pausa, ás 13,00 horas retomarase a actividade coa conferencia da cardióloga Marisa Crespo —Medalla de Ouro e Brillantes do Colexio Médico da Coruña—. Despois, ás 13,30, realizarase unha homenaxe póstuma ao pediatra carballés Pedro Tasende Díaz, falecido a comezos deste ano.

A clausura do evento terá lugar ás 14,00, e nela intervirán o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, e os organizadores. Media hora despois, comezará un xantar de confraternización no restaurante Punta del Este.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Configurar y más información
Privacidad